O xoves, 22 de decembro, ás 6,30, vin saír o sol dende a miña ventá. Oficialmente rematou o outono. Lucidez que dá o frío na cara, para ver que tamén algo en min cambia [En min, pero sen min, como no resto do universo]
Había unhas horas que regresara do hospital, sobre a mesiña os bombóns agasallo do meu neno, os zumes e iogures dos coidados familiares. No teléfono o rexistro das chamadas e SMS, semella o inventario dos cariños.
Este ano non me esmaga o nadal. Celebrarei esta noite unha cea especial: que a operación saiu ben, que os días xa medran, que a noite mingua, que existe a soedade e a esperanza.