inventarios e balances [1001 amañeceres]

Para este carecer nunca houvo palavras / só me foron entregues / conformidade e determinación / permanecer e ser / polas que fun irmá do fieito e da lontra / e o mundo interrompía as suas perguntas. Pilar Pallarés

 

Canto dura o horror por uns centos de mortos en riadas terremotos e tsunamis? Ou por esoutros que estoupan espallando as tripas polos mercados, salpicando de sangue as carrocerías dos coches? E polos mortos que se contan de un en un?. Eses  mortiños calvos pola quimio, tan amarelos eles. Feliz Navidad, próspero año y felicidad.  Feliz año, feliz año!. Sé boa anfitriona, que todos se divirtan, chin-chin, bebe cava ata encher os baleiros. Que lindo facer feliz. Aboian, coma as burbullas, os pensamentos que mancan, pero tí repite mantras interiores para escorrentalos.
E que chegue, por fin, o amencer. O primeiro do ano. O ano, ese espazo de doce meses durante o cal rexen os orzamentos de gastos e ingresos públicos. O ano, que en castelán sóalles a cu. E fixen a foto, como o ano pasado, antes de levalos a todos comer o chocolate con churros á feira de Betanzos, como manda a tradición.
amanecer

Apetecíame hoxe escribir de inventarios e balances, pero saíu isto dos mortos e o resto, e non falei da carne trémula [non a de almodóvar], dos humores polisémicos, de cousas como a ira, o desexo, a resignación, a amizade amor e sucedáneos, os finximentos apoucados, o agradecimento, o medo. Nin dos novos propósitos [nunca de enmenda]