el

Vive anicado no profundo do peito, fero animal acurralado á espreita, tensos os músculos, preparado para avanzar ás alancadas polo corpo todo no momento oportuno. Esténdese nun instante, despregándose en arreguizos, no suor frío, na aceleración do pulso, petando nos oídos a cada latexo, dilatando a meniña dos ollos, apertando os dentes, retorcendo as tripas, baleirando o ventre, paralizando a conciencia ata facerse o señor absoluto. O monstro atávico que habita na noite. O sedutor amante dos suicidas.