antinaturalmente grande

Como unha ringleira de eirugas pola autoestrada, todos a 110, ímonos seguindo prendidos uns nos outros polos conos de luz na semiescuridade, adormecendo co movimento suave, coa languidez da voz feminina que canta. ♫ Moonlight ♫ Sophie Zelmani ★
A vida é un paréntese de realidade no interior do coche.

E de súpeto vina: emerxera sixilosamente aquela enorme e inquietante lúa laranxa. [Había moitos anos que non] vía a estraña beleza desta lúa, tan próxima que asombra, tan máxica que enfeitiza. Quedo baixo o influxo da súa luz prestada. Alí a está, maxestuosa, impoñendo a súa presenza, pendurando de ningures, percorrendo o ceo sostida por forzas incomprensibles. E sei que el a estará vendo, enmarcada na xanela do seu salón, ou andará pola beira do mar e prenderánselle os ollos no reflexo ardente da auga. E veráa tamén el, entre as pólas espidas dos carballos na escuridade da aldea.
E eu, avelaíña que busca unha caricia e só bate contra o vidro iluminado na noite.
Respiro fondo para encher de ar un furadiño que teño no peito. En cada inspiración a vida propágase polas veas, esténdese polo corpo a sensación plena de sentirme viva, consciente da propia conciencia, feliz da capacidade de goce. Suspiro, añorante, mais comprendo que no fondo [ou na cima] pouco importa que alguén me pense mirando a lúa se eu podo vela e gozala, eiruga en ringleira nunha autoestrada.
Pecho o paréntese e voume deste pensamento. A voz canta agora acariñadora.
Estremezo.

O sábado a lúa estivo máis cerca de nós do que estivera dende hai 20 anos, é como se viñera de festa.

fotos espectaculares da lúa esa noite: Seguir lendo