o día despois, o valado nu [vídeoclip]

20 ha cinsa. Falabarato en Silleda. Estivo no lugar do incendio e recolleu imaxes coa cámara. Elas choran, berran, a través da súa ollada. Fotograma a fotograma arrincan do peito a rabia, a melancolía, a impotencia.

Pero tamén xurde o verde no medio da cinza. Como a herba, a esperanza. Seguro que arestora cantan os grilos furando a terra. No ar a súa vella cantiga.

Non podo deixar de escoitar o pranto que envolve as pedras. Impactoume ver ese valado nu entre as cinzas. Só as pedras, coma cando o fixeron, [haberá tanto tempo] á man, cada unha coa forma axeitada. [Morreron as mulleres, os homes. Perdéronse os seus nomes, pero foron].
En Dornelas non é doado ver un valado espido de vexetais, son moito máis ca lindes: neles medran diversas especies. Agóchanse, crían, aliméntanse insectos, aves, réptiles…

E como contraste, unhas fotografías dos camiños agora queimados, na primavera, un domingo soleado despois da choiva.

berros

brigadista en un incendio

Foto de Pedro Armestre, gañador da 2ª edición do Certame “A imaxe de Galicia”

Na TVGA e nos xornais dixeron que Dornelas estaba ardendo. O lume achegándose ás casas. E eu aquí, lonxe.

Imaxino a tarde espida. O zunido dos insectos, os merlos cantando, as figueiras. E, nesa paz limpa, de súpeto, o medo:
20 hectáreas de bosque arrasado. Sinto o estalido das pólas, que son os berros das árbores. Vexo as criaturas que viven no segredo íntimo das fragas, fuxindo. morrendo.

Enlace ao video da TVGA: