variantes

Señora, tenga cuidado, no ve que me está pisando?, [nin te podías mover ó son da música, nin sequera dar palmas o compás].
Os cóbados, arietes. Os lombos, pantallas IMAX.
Todos achegadiños mirando para o altar, a actitude coma na misa.  Enriba do escenario Luar na Lubre.
Cando rematou, marchamos a multitude en procesión, tan, tan… rataplán. [As expectativas engruñadas metidas no peto].
Idéntico entorno, o mesmo precioso solpor: mais está visto que a maxia non depende nin da chistera nin do coello. Nin sequera dos magos que fan a función.  

A Coruña dende Santa Cruz de Oleiros, a noite do concerto de Luar na Lubre

 

kosmogonías

Marchou o sol a esconderse do outro lado da ensenada, tralo castelo de Santa Cruz, cara a Torre de Hércules, e deixou como despedida unha noite cálida e ardentías na auga do mar. Mesturouse o arrecendo do polbo á feira, do salitre, da herba seca. Os músicos de Berrogüeto apareceron no escenario e fixeron que os vellos sons e os novos fosen de ganchete… [Vinos eu ir, flotando polo ar, coma nun cadro de Chagall].

Eu non sabía que había
tanta alegría nas bágoas
nin neve nas bidueiras
nin esperanza nas mágoas
 
Letra: Manuel Rivas
Música: Quico Comesaña / Xabier Díaz.-
Vídeo de youtube  Alalá da noite [4:34]