entonces, como hai azar e como hai destino, filosofemos

Existe o destino, a fatalidade e o azar; o imprevisible e, por outro lado, o que xa está determinado. Entonces, como hai azar e como hai destino, filosofemos”.
Lucio Anneo Séneca

Volvín ó cemiterio de San Amaro para buscar a tumba, tal como ela me pedira había máis dun mes. Esta vez atopeina. Anotei o número, a fila, todos os datos para mandarlle o enderezo do seu amor morto.
Era estraño percibir no ar o asomo da primavera, o sol quentando datas centenarias no mármore. Ao pasar pola floristería tiven o impulso de mercar unhas flores. Collín dúas rosas e marchei sin que mas envolvesen. Ás presas desandei as rúas laberínticas do camposanto e pouseillas alí: unha branca, outra amarela. Fixen unha foto co teléfono e mandeilla cun pequeno texto.
Entón chamou emocionada; ese mesmo día, 9 de marzo, era a data do seu aniversario.  Dezaseis. Durante 15 anos, ela regaláralle a el dúas rosas, unha branca, outra amarela.