Que lindo o mar hoxe, ao amencer. Que imaxe tan plácida, parece unha postal para soñar. Pero o terrible xigante nunca dorme. Por iso eu, tanto respeto.
Arquivo por etiquetas: amañeceres
amaneceres
inventarios e balances [1001 amañeceres]
Para este carecer nunca houvo palavras / só me foron entregues / conformidade e determinación / permanecer e ser / polas que fun irmá do fieito e da lontra / e o mundo interrompía as suas perguntas. Pilar Pallarés
Canto dura o horror por uns centos de mortos en riadas terremotos e tsunamis? Ou por esoutros que estoupan espallando as tripas polos mercados, salpicando de sangue as carrocerías dos coches? E polos mortos que se contan de un en un?. Eses mortiños calvos pola quimio, tan amarelos eles. Feliz Navidad, próspero año y felicidad. Feliz año, feliz año!. Sé boa anfitriona, que todos se divirtan, chin-chin, bebe cava ata encher os baleiros. Que lindo facer feliz. Aboian, coma as burbullas, os pensamentos que mancan, pero tí repite mantras interiores para escorrentalos.
E que chegue, por fin, o amencer. O primeiro do ano. O ano, ese espazo de doce meses durante o cal rexen os orzamentos de gastos e ingresos públicos. O ano, que en castelán sóalles a cu. E fixen a foto, como o ano pasado, antes de levalos a todos comer o chocolate con churros á feira de Betanzos, como manda a tradición.
Apetecíame hoxe escribir de inventarios e balances, pero saíu isto dos mortos e o resto, e non falei da carne trémula [non a de almodóvar], dos humores polisémicos, de cousas como a ira, o desexo, a resignación, a amizade amor e sucedáneos, os finximentos apoucados, o agradecimento, o medo. Nin dos novos propósitos [nunca de enmenda]
algo que celebrar
O xoves, 22 de decembro, ás 6,30, vin saír o sol dende a miña ventá. Oficialmente rematou o outono. Lucidez que dá o frío na cara, para ver que tamén algo en min cambia [En min, pero sen min, como no resto do universo]
Había unhas horas que regresara do hospital, sobre a mesiña os bombóns agasallo do meu neno, os zumes e iogures dos coidados familiares. No teléfono o rexistro das chamadas e SMS, semella o inventario dos cariños.
Este ano non me esmaga o nadal. Celebrarei esta noite unha cea especial: que a operación saiu ben, que os días xa medran, que a noite mingua, que existe a soedade e a esperanza.
nesta hora [1001 amañeceres]

Novembro, 25
Amañece na miña ventá, na hora do nó no estómago. Por iso 18 comidas [Tosar canta “Todo sale mal” nas rúas de Compostela].
O hamster da voltas obsesivamente na roda da súa gaiola.
branco [1001 amañeceres]
O tempo, este absurdo e imposíbel movimento
impotente, a tropezar rítmicamente
no corazón contra o desexo. (Luisa Villalta.)

Hoxe, dende a fiestra. (Clarexando o día)
Estes días pasados querendo deixar sinal nesta bitácora da ansiedade que as probas médicas. E que raro que non me apetecese. Que nin sequera a ansiedade fose tanta. Que á hora de escribir só me veñan á cabeza os versos de Luisa Villalta, aqueles que falan da viuvez do loito branco como a dos hospitais, pero que non lembro, que teño que ir mirar. [branca é a dor do afastamento e a soedade] Ou o post de Alex Ghalpon que, en cambio, nunca esquecín [na consulta do terceiro azul sorriso esquerda]
E agora, decidida, os ollos distraídos na fiestra, porque aí vén o sol…
amañece tan pronto [1001 amañeceres XI]
Héroes del silencio: Amanece tan pronto y yo estoy tan solo…

A Coruña, 28 xullo 2011
He oído que la noche es toda magia y que un duende invita a soñar.
Bunbury
Seguir lendo