o vento

Tralas contras flotan argueiros de po na raiola que entra pola rendixa. Enche o cuarto o zunido dunha gran mosca. E o do vento. Un aire tolo que ameaza con voar a casa, deixarnos sen acubillo.
E ti gurrando na porta, ti coutando da saia, ti arreglándote o pano, ti rezando. Santo dios santo forte santo inmortal líbranos señor de todo mal.

Pero o furacán levantou o tellado.
E veu, e levoute a serpe voadora.

Advertisements

el

Vive anicado no profundo do peito, fero animal acurralado á espreita, tensos os músculos, preparado para avanzar ás alancadas polo corpo todo no momento oportuno. Esténdese nun instante, despregándose en arreguizos, no suor frío, na aceleración do pulso, petando nos oídos a cada latexo, dilatando a meniña dos ollos, apertando os dentes, retorcendo as tripas, baleirando o ventre, paralizando a conciencia ata facerse o señor absoluto. O monstro atávico que habita na noite. O sedutor amante dos suicidas.

maldito blues [videoclip]

Porque el presente… rastrojo del penúltimo verano triste y azul.
Maldito blues.

*as bolboretas para un tal marra, a quen lle gustan os bichos.

Imaxe

o día da colleita

Gústame soñar que unha mañá de outubro abrirei a porta e todo o chan do xardín será unha enorme alfombra de crocus. Alguén me amará tanto que, sen eu saber, prantará centos de bulbos. Criaranse en segredo durante meses debaixo da herba verde e, un día, agromarán todos xuntos para me marabillar.

Chorarei tanto, tanto.

Imaxe

esa íntima necesidade

Era previsible: andar á noitiña pola estrada que atravesa as leiras de millo, o ar quente, a lúa medrando. A última noite do vrao.  Saudades teño de ti. Sucesivos nomes que levan sempre o mesmo nome: esa íntima necesidade.

As follas do millo besbellaban entre elas na súa linguaxe segreda. Que arrepío.

Amañeceu sendo outono. Chove. Bailan as pólas da figueira.
Debaixo da viña sempre ole a menta.

encaixar

Vas camiño abaixo, batendo as chinelas contra os pés, seguindo a túa sombra. Adiviñas os buratos dos carballos onde esculcan as curuxas, polas noites. Miras a vella liña azul dos montes, que enmarcan a paisaxe nova. E comprendes que volves a encadrar nela.