camarón que se duerme amanece en el mercado [1001 amañeceres, II]

Amañeceu o último día do ano 2010, pero na relación da terra co sol este calendario inventado non existe. Eles viven a súa propia longuísima historia.

Foto: Amañecer dende a miña fiestra.
Os comentarios están desactivados para esta entrada
-.

-.

Seguir lendo

1001 amañeceres

Os abrentes son unha invitación a vivir. Click! [e a lembranza da súa beleza gardada no meu teléfono].
Pero cómo apreixar o latexo de emoción, sentir que a vida empeza?
Hoxe pensei en gardar este e mil amañeceres máis. E voaron grallando sobre min os corvos do futuro inquietante.

Mais aínda así.

Dende a miña fiestra, 27/12/2010

madalenas para o ánimo

Onte Dores trouxo madalenas ao obradoiro. De chocolate, de noces. Feitas por ela.
[Madalenas para o ánimo]. Comín a miña mentres Dores recitaba:

“Chegou o paquete por correo urxente e alí facía vinte anos que non vivía ninguén e as rosquillas que iban dentro da caixa secaron coa calor e volvéronse outra vez masa coa auga e a caixa na que iban enrugouse tanto e borróuselle a dirección e o remite que pensei eu que alguén tiña chorado sobre ela sen podela abrir ata deixala así coma se a agardara desde facía moito tempo coma se nela tiveran que vir os cariños dalguén.”
Celso Fernández Sanmartín

suficiente para calquera

anímasenos, deliberadamente, a despilfarrar a vida [iso sí é un crimen, e non a eutanasia] e para vivir, paradóxicamente, ímola malgastando doadamente sen decatarnos, como tén que ser.

acubillamos as nosas vidas perdidas noutras igual de perdidas [no colo da nai, entre as pernas de alguén].suficiente para calquera.
e se non atopamos acollida, sempre nos quedará o viño [e as ONGs].

paseo das verónicas azuis e os amorodos

Catro anos despois, o mesmo lugar: o río, o muíño, a mesma velliña dos ollos claros.
Polo carreiro, á beira da canle, deixou ciscadas a primavera violetas e prímulas, narcisos silvestres, verónicas azuis como os ollos da vella.

E agochadiños entre as flores, medrando ó calado, os
amorodos.

A mesma maxia [esta vez sen fume nen veladuras].

narciso silvestre

prímulas, violetas e amorodos criándose

onírico

din que os medos, as paixóns, os sentimentos que con tanto tesón nos agochamos a nós mesmos, escapan das ataduras mentres durmimos e pasean ceibes, disfrazados, no mundo onírico.
en soños todos temos experimentado sensacións que son reais, angustiosas ou terroríficas, provocadoras dunha desazón que persiste ao espertar: o suor e as palpitacións pasan pronto, pero en ocasións quedamos o resto do día envolveitos nunha sensación desacougante, tea de finos fíos pegañentos

soñei que o meu fillo estaba nunha trincheira en afganistán, era un casco azul. rodeado polo inimigo, atrapado, sen resquicio para a fuxida, ante o inevitable que ocurriría en poucos minutos, enviábame un SMS despedíndose de min, coa tranquilidade de quen sabe que xa nada importa: “mamá estamos atrapados. no hay salida. es el final. ya stanaqiitquierp”.
a dor traspasoume o peito, ainda que durmindo fose, e dela andiven fuxindo o día enteiro, máis pola esquiniña víalle o ridículo do asunto:
mira tí, por SMS.