Imaxe

aínda ecoan as voces

aínda ecoan as voces
dos que acaban de marchar

a xeada
arríncalle cores ás prímulas
cala o zunido dos insectos

este silencio frío
da tardiña

nin ladran os cas
á noite de febreiro

agora podes escoitar a herba
o seu falar inquietante

que é este sosego
para quen non espera nada?

primulas
Imaxe

fun tanto tempo

Fun tanto tempo esta da foto (todo o que a foto conta) que me custa recoñecerme na que son agora.
Hai momentos nos que sinto por ela a nostalxia que deixan os mortos que amamos.

Imaxe

asumir

De ser unha árbore ben medrada de anos cara o sol, asumiría que me escotasen pólas no outono. Criar vermes na cortiza, liques na tona, brión pola cara norte. Ou tampouco.

árbore no parque de oza na coruña (galicia)

Imaxe

mans

vimbieiras

amarela e lenta
é a danza
das vimbieiras

xaneiro menguado
ese é o tempo

cortar as pólas
deixalas a remollo
que domeen

coma a rabia

trenzar vimbios
círculos
horizontes

as mans
teñen memoria

de berces
canastros
un látigo fino

estalidos no ar
e na pel
sinais

caer
o corpo
coma un cesto

na Coruña nunca xea

Por iso hoxe, a xeada que vin ao espertar na miña aldea, removeume na memoria ata os sabañóns:  As mauciñas de 5 anos xogando “a las casitas”. “Se tes os pés fríos, salta” dicía miña nai. E eu saltaba. Admirabáme que sempre atopara solucións para os meus disgustos. Menos para o de ver como choraba ela. Disimulaba, pero mal.

Imaxe

“we all have reasons for moving”

facer-meus-dos-versos-de-mark-strand

Licencia Creative Commons
Esta obra está bajo una Licencia Creative Commons Atribución 4.0 Internacional.