que soño tan feliz

Os meus soños que non se esvaen coa luz cando esperto, que quedan e me acompañan no día.
[Os desacougantes péganse como cheiro de peixe. Os lindos quedan de mantiñas mornas].
Soños con argumento, non remendos desfiañados. A emoción sentida, tan real. Como aquela vez, cando apreixei a bóla do soño para traela comigo ao espertar, a proba tanxible do vivido. E alí seguía minutos despois de abrir os ollos, debaixo da manta. Podía notala dentro da man, o volume, a forma. Mais non podía permanecer para sempre co puño pechado. E a decepción escorregou entre os dedos.
E agora que soñei coa mamá non dou coutado comigo máis tempo a sensación tépeda e mol do seu abrazo. O seu olor. Que grande emoción vela despois de levar estes anos morta. Observala falando e sorrindo co mandil de cadradiños e a blusa de alivio. Andaba no soño trafegando cacharros, coma sempre, non paraba quieta e eu, sabedora de que ela estaba morta, disfrutaba -sin facer preguntas- da súa presencia. Mamá dame unha apertiña, deixa iso, anda, estate aquí un pouquiño comigo. Que blandiña estás, mamá, que mol é o teu colo, que ben levas hoxe o pelo. Para min que és máis pequena aínda, mamá, e como me gusta verte sorrir. [E calaba iso de que sempre a recordo chorando.] Escabullíaseme, ora á cociña, ora á horta, sempre viña alguén que me entretiña e xa a perdera de vista, e ía detrás temendo, pero alí seguía, milagrosamente, e estalaba en gargalladas de dita, porque podía tocala, e veña a sobar nela: deixa que che toque, mamá [aparta ho!] Que non, que non. Espertei e tiña o tacto do seu corpo. Retíveno varios días, pero xa se está diluíndo…
Deille tantos abrazos no soño coma os que ela desexou estando viva e eu non lle daba… porque viña alguén e me entretiña.

Advertisements

23 thoughts on “que soño tan feliz

  1. Alédome dos teus soños felices.
    Non podo dicir o mesmo. Na miña mocidade quixen levar un diario dos meus soños pero pasei malas noites por iso.
    Neste último embarazo houbo muitos pesadelos que desapareceron con alivio cando naceu a nena.
    Eu procuro deixar o mundo dos soños aparte de min que me dá medo.

    Gústame

  2. Qué bonito. Pero mira… cando veas que se che acaba o regusto podes dirixir o soño para volver alí, ó lugar máxico da súa vívida presenza pretiño de ti, tan preto que está na túa cabeza Zeltia, non o perderás se consegues revivilo de cando en vez.. Así van os recordos, canto máis se recordan, máis fortes se fan….

    Coñezo a sensación esa. É máxica. Pero tamén da medo… porque queres fuxir do despertar… e tamén temes querer vivir de soños para sempre…..
    ¿Por qué ten que ser así? Maldís cando volves a vacía realidade….

    Pero éo….

    Un biquiño.

    Gústame

  3. Sei ben dese soño e deses sentimentos, o pasado as veces é unha lousa carga por non dar os abrazos e facer as cousas que tiñamos que facer. Pero que fermosos son eses soños nos que se está con quen se quere estar e xa nunca se poderá.

    Gústame

  4. Canto expresas, Zeltia, e que ben te entendo!

    [Eu tamén teño soñado moitas noites con miña nai, sempre está viva e remexendo pola casa, tal cual; e cada vez que iso ocorre, sinto tanta paz…]

    A imaxe: bela, bela, bellííííííísima!!!

    Gústame

  5. Eu cando soño con personas que xa morreron desperto moi desacougado, como si a miña mente non soportara ese contraste.
    Pero alégrome que ti te sintas mellor nese aspecto e os desfrutes. Canta tenrura e amor hai nesas verbas!!
    Bicos.

    Gústame

  6. ¿e se a túa nai es ti no soño, unha faceta túa? ¿e si é a ti mesmá á que tentas abrazar e escabúlleste? …pero menos, menos que antes, mírase ben que estás no camiño.
    Ese soño é un premio, un premio por un avance no amor a ti mesma.

    Esa é a miña interpretación ( xa sabes que me encanta xogar a psicóloga).

    Gústame

  7. Eu nunca lembro os meus soños, nunca; non sei se iso é para alegrarse ou non, pero así son as cousas.
    E pode ter razón: seguramente vde está saldando débedas de apertas, e faille ben soñar.
    Felices soños que dean felices posts.

    Gústame

  8. ¡cantas cousas dexiamos pasar por falta de tempo o porque consideramos que temos outras cousas mellores que facer [que tontiños somos]!

    sento ledicia e tristeza ó mesmo tempo.

    biquiños,

    Gústame

  9. Conoces a jodorowsky?. Te ayudará a reconducir tus sueños..
    Extraña sensación me deja esta entrada, Zeltia. Preciosa y triste. Ojalá tengas más sueños como este.
    Un beso

    Gústame

  10. Os soños fermosos son un agasallo inconsciente que nos facemos a nós mesmos. Mergullarse nos recordos emotivos e pracenteiros a min paréceme unha ledicia. Os que xa non están sempre quedan dalgunha maneira prendidos nas sabas dos nosos días. Fermosa entrada, Zeltia. Un bico.

    Gústame

  11. É todo un pracer poder disfrutar deses anaquiños de realidade que nos proxecta a mente absolutamente de balde e cargadiños de detalles e matices que nos transportan a onde nunca fomos aínda que sempre estivéramos alí…E despois decimos que non somos afortunad@s!

    Bicos

    Gústame

  12. si que foi un soño feliz. foi lindo compartilo.
    e tamén as vosas palabras foron lindas.

    ata tiven interpretación psicoanalítica!, gustoume. gustoume.

    apertiñas, amigos e amigas blogueiras

    Gústame

  13. Que fermoso final!
    Soñar cos que xa non están en corpo. Pero eu sei que seguen con nos, que nos protexen e nos alentan, e ás veces cólanse nos soños porque temos necesidade do seu corpo material e o botamos de menos, outras veces porque nos regalan algunha ensinanza que nos fai falta.
    Se escoitas atentamente verás que a sua enerxía pervive en ti.
    moitos bicos.

    Gústame

  14. Pingback: a rapaza que vivía nunha burbulla « augasdemarzo

  15. Aínda tes boa sorte, ho…. Eu xa non lembro nin os soños nin o día a día… Do semana a semana xa pra que imos falar… Ala, segue a sobar nela, que non te entreteño…. (mira que o pasas ben, recoiro… ;) )

    Gústame

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s