o día que a vin

esperta!, vas ver unha cousa.
brincábanlle nenos na mirada, e iso sí que era raro, que estivera tan contenta.
que é? que é?.
tí ven.
pero vai frío!.
veña, nogallá, bule, pon as catiuscas.
e levoume á porta da eira, abriuna amodiño coma quen descorre o telón, a cara intrigante e vin como o mundo cambiara.
qué é? qué é?.
non me atrevía a botar o pé da porta, pero se miña nai sorría malo non podía ser. saímos, afundiamos na capa brandiña.
qué é? qué é?.
toqueina e quedei sen tento nos dedos. 
rodeamos a casa e asombreime da eira vestida de branco con puntillas nas silveiras do valo, alá no cabo, onde empezan as chousas.
oín risas que viñan do camiño, meus primos tirando bólas uns aos outros, estomballámonos no chan rindo, pero ninguén nos berraba. 
preguntei se todo ía quedar así para sempre.
non era porque parecera domingo, se non pola risa na cara de miña nai.

 

 
 
 

 

Advertisements