fálame a min

fálame a min

Textos, fotos e videoclips.

You can scroll the shelf using and keys

entonces, como hai azar e como hai destino, filosofemos

17 Marzo, 2012 34 Comentarios

Existe o destino, a fatalidade e o azar; o imprevisible e, por outro lado, o que xa está determinado. Entonces, como hai azar e como hai destino, filosofemos”.
Lucio Anneo Séneca

Volvín ó cemiterio de San Amaro para buscar a tumba, tal como ela me pedira había máis dun mes. Esta vez atopeina. Anotei o número, a fila, todos os datos para mandarlle o enderezo do seu amor morto. Nunca antes me fixeran tal encargo.
Era estraño percibir no ar o asomo da primavera, o sol quentando datas centenarias no mármore frío. Ao pasar pola floristería tiven o impulso de mercar unhas flores. Collín dúas rosas e marchei sin que mas envolvesen. Ás presas desandei as estreitas rúas laberínticas do camposanto e pouseillas alí: unha branca, outra amarela. Fixen unha foto co teléfono e mandeilla cun pequeno texto.
Entón chamou emocionada. Contoume que ese mesmo día, 9 de marzo, era a data do seu aniversario.  Dezaseis. Durante 15 anos, tal día coma hoxe, ela regaláralle a el dúas rosas, unha branca, outra amarela.

el capo que dejó de fumar

23 Xaneiro, 2012 22 Comentarios

Nin o punteiro para sinalar no mapa ["España limita  al norte con el mar cantábrico y los montes Pirineos que la separan de Francia"]. Nin os pupitres co burato para tinteiros anacrónicos. Nin a Enciclopedia Álvarez. Hoxe o único recordo da escola infantil ten que ser Manolo, porque hoxe lin na prensa que enchironaron a Manolo. Titulan o artigo: el capo que dejó de fumar.

Lembro ben como os rapaces formamos un semicírculo arredor da mesa da maestra, [cando fallabas unha pregunta retrocedías un posto] eu era das pequenas e sempre estaba das últimas. Pero, naquela mañá, ou eu acertaba moito ou Manolo fallaba, porque cadramos un á beira do outro. O meu brazo dereito rozaba o seu brazo esquerdo e, dese roce, desprendíase unha caloriña que me percorría o corpo todo. O corazón latexaba tan rápido como o dun paxariño, por aquela emoción marabillosa, por aquela corriente que pasaba do corpo de Manolo para o meu. Temía que el o notase, pero quixen que o tempo parase, que non houbese máis preguntas que nos cambiasen de orde, que o semicírculo quedase así para sempre. Non lle teño nome a aquelo que sentín, só eran 5 anos, ou 6, ou 7.

(more…)

só é a morte

10 Xaneiro, 2012 21 Comentarios

Foi raro manipular un corpo morto. Non sabía se estaría teso, se frouxo. Se frío, se morno aínda. Cando me deitei, ás 3, inda miañou queixoso, e acariñeino: que pasa Pichifluso, durme, bonito, mañá xa estarás mellor.
Espertei ás 5, pola ausencia de xemidos e alí estaba o gatiño morto. Exactamente na mesma postura en que o deixara ás 3. Mireino moito tempo antes de tocalo, repasei as raias da pelaxe, a postura mimosa, o seu único ollo case pechado. Este gato tiña esa forza por vivir que non se lle notaba só por andar choutando dun lado a outro, sempre contento, enroscándose onda o can, subíndoselle enriba, mordéndolle o rabo, buscando sempre agarimos, se non pola súa teima en vivir dende aquel momento no que, tirado na rúa cun ollo medio colgando, tan pequerrechiño el, o meu fillo o rescatou. Superou a extirpación do ollo e a infección posterior. Quedou chosco, cun ollo só, como un pirata de conto, pero sin parche. (more…)

os “pajaritos”

30 Setembro, 2011 23 Comentarios

A Kaplan gústanlle os memes. Esta vez propón un que a min tamén me gustou: “Cando era pequena” [Xa lin o do propio Reincidente, o de Leo e os seus ,  Congo y yo e GradicelaCando eu era pequena pasáronme cousas diferentes das que eles contan.

Vou contar únicamente un delicto que cometín pouco despois de que nos trasladaramos da aldea á Coruña: pasei de golpe da escuela unitaria ao colexio La Grande Obra de Atocha, do galego ao castelán, pero en poucas semanas falaba como os coruñeses, inda que non entendía todos os significados, e ese foi o desencadenante. Unha tarde, á volta do colexio, díxenlle a miña nai que ao outro día tiña que levar unha moeda para echar en la hucha de “los pajaritos”. Miña nai preguntou varias veces que clase de pajaritos eran eses, pero eu non sabía que dicir, nin quería indagar no asunto para non demostrar a miña ignorancia, porque algo había aí que a min se me escapaba, xa que todos pronunciaban “paganitos”, que tiña que ser necesariamente “pajaritos”, só que omitindo a geada, porque os da Coruña falaban máis fino que nós.

Ás nenas que dabamos moeda para os paganitos colocábanlle un laciño, como en toda postulación, pero á que daba a moeda de máis valor poñíanlle un medallón precioso, grande, que ela -case sempre a mesma- lucía orgullosa ata que outra nena lle arrebataba o liderazgo cunha moeda máis alta e pasaba a lucir o medallón, e así no patio da Parra á hora do recreo  todas dmirabamos o medallón con envexa. Polo menos eu. Pero a miña moeda sempre era pequena. Non lembro que me besbellou o demo na orella, que razoamentos pudo empregar para eu quebrantar o mandamento imperioso, non xa da lei de deus, se non da miña nai: non roubarás. Pero un día siseille a miña nai unha moeda cun valor cinco veces máis grande da que levaba sempre. Aquel día batíame o corazón no peito mentres observaba como o medallón ía cambiando de mandilón según as nenas ían botando os cartos na hucha, ata que, triunfante metín a miña moeda, e a Hija de la Natividad de María, prendeu o prezado medallón no meu mandilón. Chea “de orgullo e satisfacción” acariñaba o obxecto desexado e inda non o vira ben cando outra rapaza botou na hucha unha moeda máis grande que a miña e as mans brancas e suaves da Hija de la Natividad de María arrincaron sin contemplacións o medallón da miña solapa. Traizoar a confianza de miña nai só para sufrir esa humillación, para probar o mel e que mo quitasen dos beizos! Ese día aprendín unha lección: cando se delinque hai que asegurar polo alto.

Ao día seguinte roubeille a miña nai da carteira os cartos que tiña para facer a compra. Metinos no peto e non me daba chegado a hora na que a Hija de la Natividad de María pasaría a hucha e o medallón camparía no meu mandilón ata que alguén superase a miña cantidade, que xa lle ía costar!
Foi coser e cantar. Cando eu botei todos aqueles cartos para os pajaritos resoou no teito da aula aquel clin acompañando as voces do coro dos anxos e arcanxos que escoitaba no meu interior. O medallón foi, por fin, meu. Mirei, triunfante, coa calma dos gañadores, os cartos que as outras depositaban na hucha. Sabíame imbatible. E lucín o medallón o día enteiro, na clase, no recreo, no comedor, disfrutei das miradas de admiración, vivín o meu día de gloria.
Mais pouco dura a felicidade para os culpables.
Cando fun entregar o medallón para ser depositado no seu estuche ata o día seguinte en que volvería a ser meu, a Hija de la Natividad de María preguntoume, desconfiada, cómo tenías tú todo ese dinero? porque me lo dió mi mamá. Pues entonces te va acompañar a casa esta chica que le va a preguntar a tu mamá si es cierto que te dió todo ese dinero. Ya, pero es que mi mamá trabaja todo el día fuera y no va a estar. Vaya, vaya, pues igual va a ir y se espera a que llegue tu mamá.
E todo o camiño da man daquela chica tan simpática, matinando como salvarme de quedar coma unha ladra no colexio. Xa vía os titulares:

NIÑA GANA EL MEDALLÓN DE LOS PAJARITOS ROBÁNDOLE A SU MADRE EL DINERO DE LA COMIDA.

Cuspiríanme na cara, non habería quen xogase comigo á corda nin á goma. E a mamá tardaría a lo menos un mes en perdoarme, e tería que ir confesarme e mandaríanme rezar unha chea de rosarios, e a ver se tiña perdón un pecado coma ese. Pero diso xa me preocuparía máis tarde, agora o fundamental era salvar a miña honra. Prolonguei o percorrido dando voltas innecesarias mentres pensaba un plan e a moza se impacientaba.
Es aquí. Espera en el portal, que baja mi mamá que no le gusta que lleve amigas a casa. E antes de que ela puidese reaccionar xa eu subira as escaleiras de tres en tres ata o primeiro, xa metera a chave, xa entrara, xa lle dixera a miña nai, mamá mamá, porfavor porfavor, no me descubras, vienen del cole a preguntarte si me diste un dinero para los pajaritos, tú di que sí, porfavormamádíquesí, si no todos sabrán que soy una ladrona, luego tú me pegas, me castigas, haré todo lo que quieras. Pero que fixeches, desgraciadiña? Non vou mentir para taparte, se total a Hija de la Natividad de María non vai crer que che dei todos eses cartos para os dichosos pajaritos, que ela ben sabe que somos pobres. Pero xa a moza simpática chamaba ao timbre e miña nai colocou ben o mandil na barriga, e abriu a porta cun sorriso máis falso que o de Xudas, ah pues sí que se lo dí, sí, para los paghanitos eses, sí, pero claro, no para que lo entreghase todo gunto, si no para el mes entero. Pero claro, ya sabe como son los rapaces, bueno, pues sí, ghracias ya se lo dice usted a la señora Higha de la Natividad de María. E cando pechou a porta levantou a cabeza moi digna, virou cara a cociña e eu detrás dela, mamá perdóame, e ela sin falarme, ata que vin que choraba, e entón xa o peso da culpa foi insoportable e empecei a chorar eu tamén pero ela dicía, como puideches, sabendo o que me costa ganar os cartiños, porque mos roubaches, porque non mos pediches. Porque no me los ibas a dar mamá, por eso. Pero se sempre che daba algo, sí, pero no alcanzaba para el medallón. Pero que medallón nin medallona, esto non cho perdono, sempre che aprendín que non se rouba nin unha agulla. E a culpa foise facendo coma unha montaña, e eu xa vía ese perdón inalcanzable, e tiña o peito cheo dun gas que me afogaba, e con tanto pranto e tensión os músculos apretáronme a gorxa e quedei sen poder alentar, e debínme poñer morada, porque miña nai asustouse e sacudíame para que volvera en min, con aquela mirada de angustia, e abrazoume con moito amor e díxome que me perdoaba, pero eu non a crín, que só mo dixo para que recuperara o alento e non morrera afogada. Moitas veces lle volvín preguntar, se me perdoara de verdade, e ela dicíame que sí, pero eu inda agora non me perdoei e teño que aproveitar un conto para airear esa sombra que me avergoña, para escorrentar a culpa, que continúa aí, no mesmo sitio. Pese a confesarme, pese aos padrenuestros de penitencia e ás avemarías.

 

Este é un meme libre: invito ós blogueiros que leades este a que o fagades vós tamén [e avisade, para que vaia ler]  

a influencia daquela lámina do misal

7 Agosto, 2011 11 Comentarios

De pequena alguén me regalou un “misal” no que había unha lámina que representaba o inferno. Nela podíanse ver milleiros de serpes que se enroscaban nos membros dos condenados, entrábanlle pola boca, saíanlle polos ollos.
Esta foto dun tal marra levoume de súpeto ao banco da fría igrexa, á manciña que sostén o misal, a aquela atmósfera, ao meu medo ás serpes.

Fotografía de Xosé Marra

quien a los 15 años no dejó su cuerpo abrazar

15 Marzo, 2011 35 Comentarios

Quién no escribió un poema huyendo de la soledad.
Quién a los quince años
no dejó su cuerpo abrazar
[Cantaba Mari Trini nos 70's.]

un video de bicos

Tiña 15 anos e ningún mozo me bicara, o prazo que dicía a canción ía vencer… A vida semellaba lentísima para os meus ollos brillantes. Aquela urxencia, aquela nostalxia do que ansiaba vivir. A saia curta, a mirada de sol, os beizos transparentes. No corazón floreciñas silvestres

Agora os prazos rematan nos límites das sombras. A vida avanza velozmente para os meus ollos secos; para a tenrura branda. Esta urxencia, esta nostalxia. O vestido longo, a mirada de choiva, o corazón transparente. Nos beizos floreciñas silvestres.

(more…)

quen era o neno das margaritas?

17 Febreiro, 2011 21 Comentarios

Gústalle ir cedo á clase, poder aparcar con tempo abondo. [Que sorte, un sitio, agora que chove]. Aparcou, baixou do coche e inclinou o corpo sobre os asentos para coller as cousas e entón, pasou: de súpeto o coche desprazouse bruscamente. Houbo ruidos metálicos, de frenazos, de cristais rotos. Un autobús urbano levara por diante a porta do coche no sitio exacto donde el debería estar uns segundos despois.
Eran case as 8.30.
A esa hora conducía ela Ronda de Outeiro abaixo, sempre tarde, na radio Armand Amar cantaba o poema dos átomos: ouh día, esperta! os átomos bailan, todo o Universo baila. Soou o teléfono.
Pensoi, espantada, que podía ter sido outra man distinta da del a que seleccionase nos contactos o que pon “mamá” e repetíase algo histérica, está vivo, está vivo, non está na UCI coas pernas tronzadas.
Pero o que lle fixo saloucar foi o recordo súpeto dunha mao pequeniña ofrecéndolle margaridas sin rabo. E a duda se era el ese neno, e xa non poder preguntarlle eras tí o neno dos ramiños de margaritas?

Campo de margaritas na Coruña, 2010

reconciliación

15 Xullo, 2010 28 Comentarios

en español

Por sorpresa e sin saber moi ben por qué, como pasan as cousas importantes, esta fin de semana reconcilieime coa miña aldea. Dalgunha maneira recuperei o lugariño que foi o meu universo ata os 7 anos.

Na adolescencia ese lugar chamábase vacacións. Chamábase lectura á sombra dos carballos, bocadillos de nocilla, cancións na radio. Chamábase festas, falar de mozos, pensar en mozos, soñar con mozos.
De moza, a aldea era un sitio claustrofóbico e aburrido que pisaba o menos posible e a onde miña nai continuaba indo, teimuda. Volvía con noticias: Morreu fulanito. Hai que cambiar o portaliño da eira que está a cair. Vai vir a parcelaria. Quitáronnos a leira do Reboiro. Hai pingueiras no tellado. Secou o pexegueiro dos pexegos grandes. Menganito puxo unha cochiquera e agora aquilo apesta. Abriron un supermercado á beira da carretera [aínda bo é, porque xa non se lle pode mercar o leite a ninguén (¿por qué?, muller porque a xente xa non ten gando!. E entón como labran as leiras?. Pois co tretor!, ah...)].
De muller feita, a aldea foi punto de reunión familiar uns días ó ano: Xuntabámonos irmáns e irmás, coa sobriñada toda; os franceses cos ingleses cos coruñeses; os únicos días do ano en que miña nai tiña unha cara coma a da lúa chea nun conto para nenos.
Cando ela enfermou, nos anos adicados ó seu coidado, a aldea quedou lonxe das nosas vidas. Dornelas era só un nome. Alá a fomos enterrar, onde ela quería, na terriña da que nunca se afastara no seu corazón. Para a súa tumba encargamos unha lousa de granito. Chovía o día do enterro, era novembro. Moita xente morre en novembro. No atrio o meu fillo tíñame o brazo botado polo hombreiro, e correuse o rumor de que me gustaban noviños. Lembrei con tristura cómo temía miña nai dar que falar, e canto detestara eu ese sometemento da xente ó ollo vixiante das murmuracións, ese ter que ser conforme ó estándar que era obrigado en Dornelas [e en case todos os sitios pequenos], onde a singularidade se pagaba co afastamento ou o desprezo; ese vivir presos da apariencia, pendentes dos xuizos e prexuizos dos veciños. Comprendín que eu non pertencía a aquél sitio dende había moitos anos, que me desvinculara afectivamente da aldea actual. E convertín Dornelas nunha paisaxe, a que contiña as lembranzas cinguidas á nenez e á adolescencia. Unha paisaxe que me ían estragando. Desaparecían leiras e viñas, prados, fontes, carballeiras, soutos. A maleza atrancou os camiños, disfrazou valados, secuestrou os meus recordos. Porén os montes quedaron fendidos por incontables carreteras comarcais, tronzada a súa paz, descuberto o seu misterio. En cada visita sentíame máis allea e decepcionada. Só de vez en cando xurdía un recanto que aínda conservaba a súa esencia, e rebulía no meu interior a nena dornelá que fun.

Pero esta finde pasada, algo me levou alá e mentres daba un paseo polos sitios que me custa recoñecer, de súpeto comprendín que á aldea só lle pasou o mesmo que ó resto do país, o mesmo que Á Coruña. Os lugares que están vivos son cambiantes, dinámicos, reflicten a vida de quén os habita, moldéanse ós tempos. As catedrais a carón das casas de deseño vangüardista, todos os elementos nun acoplarse sorteando o caos.
E vin as cousas doutra maneira: alédame que a miña aldea estivese viva todos estes anos, que tivese evolucionado coas xentes que a habitaron. Quedar detida no tempo significaría estar baleira,  desaparecer.
Fun mirar dende un alto para re-situar o meu mapa na orografía actual (os cambios da parcelaria, e os máis recentes do paso do AVE), percorrín as estradas co coche, camiñei polos renovados camiños e adiviñei nas pedras das casas reconstruídas aqueloutras pedras grises con musgo e líquen, e nos tellados relucentes os vellos tellados ondeantes nos que medraban fentos. Recoñecín debaixo dos porches con mobles de xardín os antigos cubertos que abrigaban carros e arados, xugos e grades. E onde agora hai céspede e barbacoas para o churrasco, estaban as eiras onde se facía a malla e os palleiros.
É hora de re-coñecernos, de que Dornelas recoñeza a súa nena debaixo da miña madurez e eu a recoñeza a ela, por riba do seu progreso, porque as dúas seguimos sendo nós.
Quén sabe! igual cando me xubile volvo vivir alí, e así pechar o círculo [se o Azar quer].

Edito en 09/10: batín con este posteo de Emerecindo, e moi identificada me sentín!

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

Únete aos outros 59 segidores

%d bloggers like this: